martes, 12 de febreiro de 2019

Xaneiro, mes da Paz

Voltamos das vacacións de Nadal, coa vista posta na conmemoración do día da Paz.

Na Biblioteca, os nosos voluntarios fan unha selección de libros relacionados con esta temática e colócannos na zona de recomendacións para que estean máis accesibles a todo o alumnado. 

A nivel de centro prepáranse diferentes actividades:

  O abecedario da Paz: Repártense as letras do abecedario entre os diferentes cursos e entre os diferentes alumnos. Cada alumno ou parella ten que reflexionar sobre o que lle suxire cada letra relacionada coa paz e facer un debuxo alusivo. Nalgunha aula tamén se atreveron a facer poemas alusivos ou reflexións sobre a palabra escollida. Aquí vos deixamos o resultado:





"Hecho con tus sueños": O profesorado tamén decidiu traballar co seu alumnado diferentes formas de expresión a partires da canción de Maldita Nerea, "Hecho con tus sueños". Así por exemplo, o alumnado de 1º e 6º de Primaria realizaron un vídeo no que interpretan esta canción en lingua de signos. Esta actividade non só significou o acercamento do alumnado ao coñecemento da comunidade xorda e a súa cultura, tamén o traballo colaborativo entre o alumnado de 1º e 6º coa inestimable axuda das súas titoras, María e Alba. E este foi o resultado:



O alumnado de Infantil realizou un baile que preparou xunto coas súas mestras, Queta e Paula:




E por último os alumnos de 2º a 5º de Primaria, sorprendéronnos cantando esta mesma canción:

sábado, 3 de novembro de 2018

Outubro, mes das bibliotecas

Na nosa biblioteca, outubro sempre resulta ser un mes máxico, quizais porque sabemos que aló, ao final, agárdanos o Samaín coas súas cabazas e as súas historias de medo.

Comezamos este mes coa formación dos nosos voluntarios, a planificación das gardas na biblioteca e na ludoteca e coa organización de actividades.

É moi gratificante comprobar o rápido que o noso alumnado se familiariza co uso do Meiga e da CDU.

Nestes primeiros días nos que a biblioteca aínda é un remanso de paz, aproveitamos para aprenderlles a catalogar, a prestar, a etiqetar, forrar, facer os carnés, a ordenar e a ter claras as normas da biblio e da ludoteca.





O día 24, é para nós o pistoletazo de saída,o comezo de tempada e celebrámolo con todos os nosos alumnos: reparto de carnés, de mochilas viaxeiras, por unha banda, e presentación dos voluntarios e do noso proxecto, por outra, son algunhas das actividades a realizar ese día.






O 25, xa comeza a algarabía, as colas por coller ese libro ou esa película coa que levabámos soñando desde que comezara o curso....e como sempre, os nosos voluntarios están á altura e dan o mellor deles.

Estes días, tamén estamos emocionados có inicio do noso proxecto "Toda unha vida....”, proxecto interxeracional no que participamos todo o centro e que tivo como elemento motivador a proxección na biblioteca da película UP.






Tras ver a película, e xa cada grupo na súa aula, realizaron o que sabemos, o queremos saber e como atopamos esa información, reflexando estes datos en diferentes murais.








Para Samaín, estiveron recopilando historias de medo, lendas,tradicións... 





E o día 31 visitarán o noso centro, dúas avoas do Centro de Maiores San Xoán, para contarnos contos de medo e para informarnos de como se celebraban estes días cando eran nenas....
Pero esa.... xa é outra historia.

xoves, 7 de xuño de 2018

ENQUISA PARA O ALUMNADO

Aquí vos deixamos o enlace para que lle poñades nota ao funcionamento da biblioteca durante este curso 2018-2018. Moitas grazas pola vosa colaboración!

ENQUISA PARA O PROFESORADO

A continuación, podedes cubrir a enquisa de satisfación coa biblioteca escolar do centro. Moitas grazas pola vosa colaboración.

luns, 28 de maio de 2018

LETRAS GALEGAS 2018

Esta ano para celebrar as letras galegas decidimos realizar diferentes actividades:

  • Os voluntarios da biblioteca prepararon un Kamishibai sobre o libro de María Victoria Moreno, "A festa no faiado": prepararon os debuxos, o texto, ensaiaron e este é o resultado:

Kamishibai A festa no faiado from CEIP Ramon Falcon on Vimeo.

  • Por outra banda, o alumnado de 3º e 4º decidiron agasallarnos con este acróstico sobre María Victoria:


ACRÓSTICO MARÍA VICTORIA MORENO from CEIP Ramon Falcon on Vimeo.


Pero ademais todo o centro participou na elaboración das portadas dos libros que consideraban máis representativos da autor:

Infantil 3 anos:


Infantil 4/5 anos:


1º Educación Primaria:


2º Educación Primaria:


3º Primaria:


4º Primaria:

5º Primaria:


6º Primaria:



  • Pero ademais o alumnado de 5º de Primaria creou a casa do señor Indalecio e da señora Teodosia, cunha fiestra aberta ao faiado onde están Uxía e Gato.

    E por último, o noso alumnado tamén fixo unhas creacións pop art moi cuquiñas coa face da autora homenaxeada nestas Letras Galegas. 



luns, 26 de marzo de 2018

Semana da Poesía!!

Que ben o pasamos estes días durante a Semana da Poesía!!!

Dende o Equipo da Biblioteca e o Voluntariado de Lectura agradecémosvos a vosa participación e as ganas postas nesta actividade. Esperamos que vos gustase e seguiremos preparando cousiñas para acercarvos ao mundo dos libros.

Deixámosvos unha pequena mostra do realizado ao longo desta semana.


xoves, 22 de marzo de 2018

E as nosas recomendacións lectoras son.....

Boas Falconciños,

Xa non queda nada para as vacacións e de seguro que moitos de vós xa estades a preparar a maleta para saír de viaxe coa familia.

Dende o Equipo da Biblioteca, esperamos que reservásedes un espazo nesa maleta para un par de libros e si se vos presentan dúbidas á hora de escollelos aquí vos deixamos unhas recomendacións.

Desfrutade das vacacións, que en nada estamos de volta!